Último pleno ordinario da lexislatura: a crónica.

O último pleno desta lexislatura en Cuntis resultou ser o de contido máis relevante. Non sabemos se por oportunismo electoralista ou simplemente por casualidade, pero o certo é que a orde do día presentaba asuntos de moita relevancia.

Aprobouse, coa unanimidade dos/das presentes, o trámite de expropiacións dos terreos polos que pasa o vial do Polígono Industrial (que conecta a PO-220 coa N-640). Contou, por suposto, co apoio do Grupo Municipal de Veciñanza. Con todo, Santi Martínez, lamentou a tardanza debido á perda dunha subvención dun millón de euros por parte do Grupo de Goberno para este mesmo fin que podería ter acelerado considerablemente o trámite.

A seguir aprobouse tamén o procedemento de contratación do Servizo de Atención Temperá, que se desenvolverá no noso municipio pero que atende tamén aos concellos de Moraña, Caldas de Reis e Portas.

Procedeuse tamén á aprobación do trámite para a desafectación completa do coñecido como “edificio dos mestres”, ao quedar baleira a vivenda que se mantiña ocupada. Se nun primeiro momento fora xa desafectado o primeiro andar (para adicar a dependencias municipais de Servizos Sociais), agora faise o mesmo co resto do edificio para adicar a vivenda social. Esta era unha demanda na que viñamos coincidindo os catro grupos durante esta lexislatura.

Tamén foi momento dunha das noticias máis agardadas da lexislatura: a sinatura do Convenio para a posta en servizo do Centro de Día. Tal e como dende Veciñanza vimos sospeitando dende o comezo de mandato, este asunto tivo lugar no último instante, “case na foto finish” tal e como describiu o noso voceiro municipal Santi Martínez. Con todo, é unha moi boa noticia que por suposto contou co apoio de Veciñanza, e que celebramos, malia que unha vez máis o Alcalde non puido concretar a data na que entrará en funcionamento.

O punto 6 da Orde do Día facía referencia a unha Modificación Extraxudicial de Crédito para executar o pago de facturas do ano 217 en, cando menos, dubidoso estado. A operación só contou co apoio dos tres representantes do PSOE, e coa abstención tanto de Veciñanza como do Partido Popular. Esta foi a intervención (e explicación) do noso voceiro Santi Martínez:

Tal e como plantexamos na comisión e como vimos defendendo ao longo de toda a lexislatura, non avalamos este tipo de prácticas nin consideramos que sexan todo o honestas que deberan ser en materia de xestión económica. Durante a lexislatura pasada, o Goberno do PP abusou dos recoñecementos extraxudiciais que mesturaban facturas atrasadas de moi diversa natureza, algo que o propio PSOE lamentou en reiteradas ocasións. O caso é que agora é o propio PSOE, coa complicidade do BNG, quen volve empregar este tipo de métodos. Temos aquí 217 facturas que suman un importe de máis de 41.000 euros, todas do ano 2017, cando este Goberno dispuña de orzamento propio para gobernar, ao contrario do que lle ocorría ao PP na lexislatura pasada.

      • Pouco máis de 9000 euros corresponden a pequenos provedores locais, algo para o que nós por suposto estamos a favor de pagarlle o que o Concello lle debe.
      • Aproximadamente 18000 euros corresponden a luz e teléfono, que habería que ver cal foi o motivo exacto de non telos pagado en tempo e forma.
      • Temos 309 euros a Rías Baixas Comunicación dunha factura por publicidade da Semana Santa, nun concello declarado laico.
      • Hai unha factura de 72 euros en concepto de mantemento da web de turismo, que é unha web que leva 4 anos inactiva.

 

Resulta evidente que aquí existe un problema de fiscalización de facturas e que a xestión económica se pode realizar, sen dúbida, aplicando aquel principio que sostiña o pacto de goberno, que era o da transparencia. Non custaba nada facer este desglose e someter ao pleno estas facturas agrupadas por bloques para unha mellor fiscalización das mesmas.

O noso voto, repito será ABSTENCIÓN para non bloquear o pago aos pequenos provedores de Cuntis que levan dous anos agardando polo pago desas facturas.

 

Na quenda de Rogos e preguntas, Veciñanza interesouse polas seguintes cuestións:

  • Ordenanza de ocupación do espazo público (“ordenanza de terrazas”). Malia estar o expediente iniciado e aprobado en pleno, e malia o grupo de goberno terse comprometido a ter o regulamento dispoñible para entrar en vigor a comezos do presente ano, o Alcalde recoñeceu que a actualización desta ordenanza “está parada”.
  • Trámite de Cesión do Centro de Saúde á Consellaría de Sanidade. O Grupo de Goberno segue sen ser capaz de axilizar esta tramitación.
  • Pagos do Concello a empresas e medios de comunicación. Malia que o noso voceiro municipal Santi Martínez tratou de que o Alcalde contestara a respecto deste asunto, o Sr. Campos Velay limitouse a repetir que o consideraba “un gasto adecuado” e que non respondería nada máis sobre o asunto. Foi un lamentable exemplo dunha actitude de nula transparencia, como nos ten afeitos este Goberno. Para contrarrestar esta nova exhibición de opacidade, fixemos unha pequena comparativa do que supón esa cantidade en relación con outras partidas do Orzamento:
pavimentación vías públicas 28800,00 € 170%
alcantarillados (fondos propios) 57000,00 € 86%
abastecemento auga potable 48000,00 € 102%
recollida de resiudos 49000,00 € 100%
limpeza viaria 16310,90 € 301%
medio ambiente + parques e xardíns 34000,00 € 144%
centro de saúde (mantemento) 18000,00 € 272%
biblioteca 41664,39 € 118%
protección do patrimonio histórico 28000,00 € 175%
comercio 6000,00 € 817%
información e promoción turística 20000,00 € 245 %

 

As cifras falan por si soas. Veciñanza considera un verdadeiro escándalo que non se entregue un informe de características económicas solicitado pola oposición, que se produzan sen ninguén tipo de reparo estes gastos, que o Alcalde non responda ás preguntas e que considere “adecuados” este tipo de excesos.

Share

Tamén pode gustarche...